Wednesday 24 de April de 2024

O Teresa Herrera habilita unha Fila 0 para sumar achegas benéficas


A recadación destinarase ao Proxecto Convivindo, da Fundación Amigó

O comité organizador do LXXV Trofeo Teresa Herrera habilita unha Fila 0 para seguir sumando colaboracións benéficas ao obxectivo completamente solidario desta edición, que se destinará ao Proxecto Convivindo, da Fundación Amigó. A organización tomou esta decisión logo de que se cerrase a posibilidade de adquirir entradas para o partido do LXXV Teresa Herrera masculino entre o RC Deportivo e un Combinado do Fútbol Afeccionado Coruñés (domingo 20 de decembro, ás 12.00 h) e o do Dépor ABANCA B – Vitoria CF do VIII Teresa Herrera feminino (domingo 20 de decembro, ás 16.30 h).

As achegas poden efectuarse na conta da Fundación do Real Club Deportivo SAD: ES15 2080 0012 3530 4004 4125. Cumprirá indicar no concepto: Doazón Proxecto Convivindo. O Concello e o Real Club Deportivo determinaron que toda a contribución solidaria do Teresa Herrera 2020 (entradas, valor dos trofeos e Fila 0) será destinada ao Proxecto Convivindo, da Fundación Amigó, un servizo gratuíto de resolución positiva dos conflitos entre adolescentes e as súas familias, a través dunha proposta socioeducativa e terapéutica que pretende darlles unha resposta especializada a aquelas familias que se atopan en situacións de conflito e en risco de exclusión social.

Por outra banda, o Concello anunciou que destinará o aforro derivado do gasto do tradicional trofeo a gasto social e entregaralles ás e aos participantes uns trofeos de cerámica de Sargadelos ao remate dos encontros.

PRESENTACIÓN DO LIBRO

A alcaldesa, Inés Rey, asistiu esta mañá, xunto co concelleiro de Turismo, Juan Ignacio Borrego, e a concelleira de Deportes, Mónica Martínez, á presentación do libro sobre o 75 aniversario do Trofeo Teresa Herrera, que tivo lugar na sede da Deputación.

O dito libro, editado polo Concello e a Deputación Provincial da Coruña, recolle artigos de mulleres e homes vencellados ao trofeo, un álbum fotográfico con imaxes destes 74 anos, así como un álbum de fotos do Estadio de Riazor “Un estadio para un trofeo” tan intimamente vinculado ao Teresa Herrera nestes 75 anos de historia.

A rexedora sinalou que “este magnífico libro reflicte a grandeza do trofeo, da nosa Torre de Hércules e do deporte da nosa cidade” e deulles os parabéns a todas as persoas que participaron na súa elaboración.

Un libro, dixo, que recolle 75 anos fecundos, “de deporte e de cidade, tamén de Concello, de implicación municipal, de capacidade para ir da man do Deportivo, un dos nosos grandes emblemas de cidade, antes e, máis que nunca, agora”. Por iso, lembrou que o domingo temos unha cita en Riazor co fútbol coruñés na súa máxima expresión e tamén coa solidariedade; “temos unha cita todo o ano co que significa o Teresa Herrera, un valor que non só nos negamos a perder, senón que máis ben queremos exaltar como merece”, apuntou.

A alcaldesa sinalou que o Teresa Herrera é un fío esencial da historia da Coruña, da súa proxección internacional, da súa forma de entender a vida” e destacou que o trofeo leva o nome dunha benefactora”, unha persoa que forma parte da estirpe das María Pita, das Emilia Pardo Bazán e das Rosalía de Castro”.

Nota de Prensa

A rexedora tamén fixo fincapé na orixe solidaria dun torneo que nesta edición recupera ese espírito de lles axudar a aquelas persoas que máis o precisan.

Indicou que a orixe do Teresa Herrera tampouco se pode entender sen o seu fogar, o estadio de Riazor. “Foi Riazor un dos estadios máis espectaculares de Europa como foi o Teresa Herrera un Mundial de Clubs oficioso”. Para a alcaldesa, en contra de tópicos mal intencionados, “A Coruña é todo o contrario a unha cidade pechada en si mesma. Temos mirada exterior e internacional, sabemos competir no máis alto, por iso o Teresa Herrera acollía os mellores equipos e xogadores existentes”.

A alcaldesa non quixo esquecer todo o que o Teresa Herrera nos conta da forma de ser coruñesa, do noso gusto pola socialización e do traballo dos clubs de barrio. “O fútbol como celebración colectiva, iso é o Teresa Herrera, tamén grazas ao traballo e músculo que sempre lle achegaron os nosos clubs de barrio, o querido fútbol modesto”.

Pola súa banda, o concelleiro de Turismo, Juan Ignacio Borrego, agradeceulles o seu traballo a todas e todos os implicados nun proxecto en que que se realiza un percorrido por todas as edicións do torneo e que inclúe artigos de vivencias propias de persoas moi vencellas ao torneo. Tamén tivo palabras de agradecemento para os xornais da cidade que colaboraron prestando parte do seu arquivo gráfico. O libro, explicou Borrego, conta tamén cun apartado para o estadio de Riazor, que cumpre tamén 75 anos, a través dun álbum fotográfico que achega imaxes inéditas da súa construción e outras que permiten apreciar a evolución experimentada co paso do tempo polo fogar do fútbol coruñés.